sábado, 18 de marzo de 2017

Recollida do Premio Odisea e visita a Ourense



O xoves pasado (16-III-2017), fomos de viaxe a Ourense o alumnado de Relixión e de Latín de 3º e 4º de ESO e de 2º de BACH e o de 1º de TAPSD. Unha vez na cidade das Burgas, dividímonos en dous grupo e, o alumnado de Relixión e Latín fixemos a ruta As orixes de Ourense que parte do castro de Santomé, asentamento inicial da cidade, pasando pola ponte romana ate chegar ás Burgas onde contemplamos a reprodución da estela que Calpurnia, a primeira ourensá da que coñecemos o nome, dedicou ás ninfas da fonte. Ao longo de todo o traxecto gozamos dun ceo limpo e brillante, das explicacións claras e oportunas de Begoña, a nosa guía, e, no castro, da grata compañía do labrador Mallo, que fixo as delicias de boa parte do grupo. Despois fomos comer ao centro comercial Ponte Vella onde nos atopamos de novo co alumnado de TAPSD. Despois de comer e descansar un anaco, paseamos ata o Auditorio Municipal para asistirmos á representación da comedia de Plauto Pseudolus, adaptada e levada á escena polo grupo de teatro escolar Noite Bohemia. Pero iso non foi todo: antes de comezar a representación, o equipo "Os Espartanos"  (Isaac Datorre e Diego Asorey de 3º ESO) recolleu o Segundo Premio do Concurso Odisea 2017. Un día moi completo. O alumnado de TAPSD visitou o centro integral de atención Aixiña, onde puideron visitar os diferentes recursos sociais e asistenciais da entidade e o centro especial de emprego.



No hay comentarios:

Publicar un comentario