miércoles, 21 de mayo de 2014

Xenómica no Camballón


Aos que tivestes a fortuna de estar alí e aos que, pola razón que sexa, non puidestes asistir, calquera cousa que vos dixésemos agora sobre a conferencia coa que nos agasallou o doutor Ángel Carracedo o pasado martes 20 quedaríase curta.
As expectativas xeradas eran grandes –non en van o conferenciante é unha figura mundial no seu eido científico– e á cita, ademais dos que xogabamos na casa (a xente do Camballón), acudiron estudantes e profesorado dos IES Aller Ulloa e Laxeiro de Lalín, aos que se sumaron nais, pais e público xeral.
Porén, a conferencia non estivo á altura das expectativas previas: estivo por enriba delas. A proximidade do doutor Carracedo –que non quixo permanecer no estrado que se lle tiña preparado e baixou a departir con nós no patio de butacas–, a súa enorme capacidade de comunicación, a súa humildade e honestidade intelectual, converteron a experiencia nunha charla amigable e, ao mesmo tempo, engaiolante que se traduciu nunha longa rolda de preguntas por parte do alumnado. Conseguiuse o case imposible: dúas horas de conversa dun interese indeclinable.
Desde o equipo da biblioteca queremos expresar unha vez máis o noso profundo agradecemento ao doutor Carracedo por compartir connosco, de xeito completamente xeneroso e desinteresado, unha parte do seu tempo e dos seus vastos coñecementos.


Aquí vos deixamos o vídeo da conferencia para que a revivades ou vos asomedes por primeira vez ao que alí se dixo. Aproveitádeo, non sempre se ten a ocasión de aprender cun sabio do noso tempo.









E aquí tedes a galería de imaxes do acontecemento:



No hay comentarios:

Publicar un comentario