domingo, 1 de diciembre de 2013

Astronomía e mitoloxía

GRAZAS POLA VISITA!




O pasado xoves 28 de novembro visitounos Salva Bará, profesor de Óptica da Facultade de Física da USC, respondendo á invitación que lle fixeron o Club da Lingua e a Biblioteca.
Nunha entretida e interesantísima conferencia, coa súa posterior quenda de preguntas, díxonos, entre outras moitas cousas, que non só estamos feitos da mesma materia que os soños –como afirmaba Shakespeare– senón que, literalmente, a nosa orixe está nas estrelas, pois a maior parte dos átomos que conforman a materia (tamén a nosa) forxáronse no interior de astros que, ao estoupar, difundíronos polo espazo. 
Por desgraza, a absorbente atención que prestamos a todo tipo de aparellos de entretemento (dende a televisión ata as tabletas e os ordenadores) xa case nos impide levantar a cabeza e contemplar esa marabilla incomparable que é o ceo –e se atopamos ocasión de facelo, a contaminación lumínica que producen as vilas e cidades pode converterse, ás veces, nun obstáculo insalvable.
Desde logo, non era así para os nosos devanceiros, que construíron as mámoas –as de Oirós e tantas outras repartidas polo noso país– cos ollos postos no firmamento, orientadas polo xeral cara ao nacemento do sol no solsticio de inverno.
Pero no Camballón somos dobremente afortunados,
porque Salva Bará estará de novo connosco o vindeiro
VENRES 10 DE XANEIRO de 2014.
E non virá só, senón acompañado dos seus telescopios!
Queredes botar unha ollada aos camiños do universo?
Aquí estaremos, coa xanela aberta ao infinito.


Consulta aquí a noticia no Faro de Vigo

No hay comentarios:

Publicar un comentario