lunes, 25 de noviembre de 2013

NEURONAS EN FORMA


Esta si que é unha boa noticia!
O pasado xoves 14 de novembro o noso observatorio detectou, no Camballón e arredores, unha impresionante concentración de neuronas con sinapses ben desenvolvidas.
Soaron todas as alarmas! E non era para menos...
Visitáronnos catro cabezas de primeirísimo nivel: estiveron entre nós dous astrónomos –Salvador Bará, da Universidade de Santiago de Compostela, e César González, do Instituto de Ciencias do Patrimonio– e dous arqueólogos –Felipe Criado, do Centro Superior de Investigacións Científicas, e Trond Lodoen, da universidade de Bergen, na distante e fría Noruega!
E que facían por aquí estes señores?
Extraviáronse nalgunha encrucillada? Pararon nas Cruces para tomaren un café?
Nada diso. Estes catro magníficos, especialistas todos eles en arqueoastronomía, viñeron para visitar as mámoas de Oirós, os monumentos megalíticos levantados polos nosos devanceiros, testemuñas das súas inquedanzas ao contemplar o ceo e os seus misterios.
A ciencia axúdanos a comprender o mundo; o noso patrimonio cultural axúdanos a comprendérmonos a nós mesmos.

Cóidao porque che pertence. 

E este xoves 28, a 4ª e 5ª hora, teremos no Marco do Camballón a Salva Bará para falarnos de astros e mitoloxía. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario